Friday 19 de April de 2024

Costa da Morte Asociación Turística e a Asociación de Bloggers de Viajes de Galicia impulsan nunha xornada celebrada no Parador de Muxía a formación dos actores que participan na promoción turística


_O encontro sobre ‘Turismo sostible’ que se celebrou onte en Muxía estivo destinado a técnicos de turismo dos concellos da Costa da Morte, ás empresas turísticas que traballan no territorio e aos membros de Galicia Travel Bloggers

_CMAT xa traballa na planificación e deseño da campaña ‘Costa da Morte en Familia 2022’, na que dúas familias galegas con experiencia en redes sociais e blogs participarán en setembro en actividades de astroturismo, patrimonio megalítico e surf

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) apoiou a xornada sobre Turismo sostible que se celebrou no Parador de Turismo de Costa da Morte e que foi organizada pola Asociación de Bloggers de Viajes de Galicia (Galicia Travel Bloggers). Esta iniciativa estaba destinada tanto a membros desta asociación, como aos socios e membros da CMAT, aos técnicos de turismo dos concellos que forman parte do xeodestino e ás empresas e iniciativas turísticas que traballan neste territorio.

“Este encontro entre os actores que participan na difusión do turismo da Costa da Morte, entre os que estaban axentes turísticos locais, representantes da iniciativa privada representada polas empresas, e profesionais de márketing dixital especializados en turismo representa unha oportunidade única para a colaboración”, destacou a presidenta do CMAT, Mónica Rodríguez, quen falou da importancia da formación para o sector no manexo das novas tecnoloxías para a promoción turística. A Asociación de Bloggers de Viajes de Galicia ofreceu plazas gratuítas nas xornadas para técnicos dos concellos e para as empresas socias de Costa da Morte Asociación Turística.

CMAT, que preside Mónica Rodríguez, mantén unha relación estable e contínua con directivos e membros de Galicia Travel Bloggers. Xa traballou no 2021 con recoñecidos bloggers galegos nas campañas de turismo familiar e O Camiño Continúa. Esta colaboración entre CMAT e a Asociación de Bloggers de Viajes de Galicia permitiu a organización da xornada sobre Turismo sostible. Pola súa banda, a Asociación Profesional do Turismo da Costa da Morte, que lidera Pepe Formoso, facilitou a cesión dun espazo no Parador de Costa da Morte para celebrar a xornada.

Unha intensa xornada de traballo

No encontro de onte participaron recoñecidos bloggers como Planeta On Tour, MinionTour, Escapalandia, Nunca sin viaje, Un salto a Galicia, Trucos Viajeros, Troulanda, Caminante del Planeta y Tintineando. A xornada comezou a primeira hora cunha pequena andaina desde Muxía ata o Parador de Costa da Morte. Os asistentes, xa pola tarde, realizaron actividades no entorno do Cabo Vilán (Camariñas) e aproveitaron para promocionar o destino turístico Costa a Morte.

CMAT colabora coa Asociación de Bloggers de Viaje de Galicia desde 2020. Actualmente a asociación que preside Mónica Rodríguez xa traballa na planificación e deseño da campaña ‘Costa da Morte en Familia’ 2022. Esta iniciativa consistirá na visita no mes de setembro á Costa a Morte de dúas familias galegas con experiencia en redes sociais e blogs de viaxes. Participarán no xeodestino en actividades relacionadas co astroturismo, o patrimonio megalítico e o surf, entre outras iniciativas.